Saturday 04 de May de 2024

Feijóo destaca a mellora nos servizos sanitarios da área da Coruña coa posta en marcha de tres novos centros de saúde en Arteixo, Cambre e Culleredo


Afirma que os tres centros darán cobertura a un conxunto total de máis de 83.000 tarxetas individuais sanitarias e precisa que o investimento conxunto nestas tres obras sanitarias supera os 6,6 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a mellora na atención primaria da área da Coruña, coa posta en marcha de tres novos centros de saúde en Arteixo, Cambre e Culleredo.

Así poñíao de manifesto esta mañá tras a súa visita, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aos novos centros de saúde do Temple (Cambre), xa en servizo; de Culleredo, cuxa obra está finalizada e só falta que sexa recepcionado polo Sergas; e de Vilarrodís (Arteixo), pendente só de equipamento.

Logo de destacar que os tres centros darán cobertura a un conxunto total de máis de 83.000 tarxetas individuais sanitarias, que son as rexistradas entre os tres concellos, o presidente da Xunta precisou que o investimento conxunto destes centros de saúde supera os 6,6 millóns de euros.

A posta en marcha destes centros permitirá ampliar os recursos asistenciais dos que dispoñen os municipios e contribuirá a desconxestionar a actividade asistencial que se rexistra nos actuais centros destes concellos que, entre maio e xuño rexistraron case 30.000 consultas en medicina familiar.

Como concluíu o presidente da Xunta, a atención primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario público e é o punto de conexión coa atención hospitalaria. Por iso, é importante que dispoña das mellores infraestruturas non só na forma, senón tamén no fondo, a nivel funcional.

Balance da renovación do mapa sanitario galego
Segundo Feijóo, Galicia xa está máis preto de pechar ao completo a renovación do seu mapa sanitario logo de actuacións como a construción do novo hospital de Vigo e a posta en funcionamento do Lucus Augusti en Lugo.

Así mesmo, referiuse á ampliación da área de Urxencias do Chuac, “e agora continuamos co bloque cirúrxico con 15 novos quirófanos”; “poñeremos tamén a funcionar este ano o novo edificio de hospitalización do Chuo; finalizamos xa a ampliación do Hospital do Salnés e a ampliación do hospital da Costa estase a levar a cabo; asinamos co Concello de Pontevedra o modelo de ampliación do Hospital de Montecelo; e comezaremos co Plan director do Hospital de Ferrol e posteriormente a ampliación do hospital de Conxo (Santiago).

No relativo ao ámbito da atención primaria, o titular do Goberno galego sinalou que nos últimos sete anos se renovaron 36 centros de saúde: 25 de nova construción e 11 reformados, xunto con outros 10 que están en fase de licitación: o de Salceda de Caselas, o de Melide, o do Pereiro de Aguiar, o da Estrada, o do Milladoiro (Ames), o de Narón, o do Saviñao, a ampliación do centro de saúde da Laracha, o de Paderne de Allariz e a ampliación do de Poio.

Avances e datos positivos
Feijóo subliñou a importancia de avances como a historia clínica electrónica, a e-interconsulta ou as vías rápidas para a atención ás patoloxías canceríxenas, de servizos como o de consulta telefónica en atención primaria, do Programa de prescrición electrónica de medicamentos e as intervencións de cirurxía menor realizadas desde os propios centros de saúde ou as probas diagnósticas que xa son resoltas desde os PAC. Grazas a isto, estase a conseguir que a derivación hospitalaria desde os ambulatorios se sitúe por debaixo do 10%.

Segundo o titular do Goberno galego, estes datos teñen unha incidencia directa nas listas de espera, “as máis baixas desde que temos rexistros”, aseverou, subliñando tamén que grazas á entrega dos profesionais, no primeiro semestre do ano se levaron a cabo máis de 100.000 intervencións e a espera media cirúrxica global baixou en 6 días, ao pasar de 64 a 58.